Saturday 11 de May de 2024

Clan TV estrea o luns a serie infantil de Portocavo e RTVE “Los Argonauta y la moneda de oro”, rodada en Galicia co apoio da Xunta


O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asiste no Teatro Colón da Coruña á ‘première’ deste novo título da produtora galega no marco do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual do Goberno autonómico

O Teatro Colón da Coruña foi esta tarde o escenario da preestrea da serie infantil Los argonautas y la moneda de oro, coprodución de Portocabo e RTVE que foi filmada o pasado verán entre Laxe e A Coruña co apoio da Xunta a través do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual. En concreto, a produtora coruñesa contou cunha subvención de 350.000 euros para os 50 capítulos que conforman a primeira serie en imaxe real de Clan e que esta canle comezará a emitir o vindeiro luns 26 de xuño.
O director das Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo na première desta tarde, así como na presentación previa aos medios de comunicación. Nela interviñeron, ademais, o produtor executivo de Los argonautas, Alfonso Blanco; a súa directora, Lucía Estévez; o director de Contidos Infantís de RTVE e Clan, Yago Fandiño, e o director de contidos de CRTVG, Fernando Ojea.
Sutil tomou a palabra para subliñar a consolidación de Portocabo como produtora de referencia na produción de ficción a nivel estatal. Referiuse, neste sentido, a outros dous títulos tamén rodados en Galicia como proxectos do Hub Audiovisual: a segunda temporada de Los enviados para Paramount+ e as dúas primeiras entregas de Rapa, que xa poden verse completas en Movistar Plus+. Para o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, estes traballos exemplifican, así mesmo, o excelente momento do audiovisual galego tanto a nivel artístico, como técnico e profesional, recoñecido tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.
Intérpretes noveis
Referiuse, así mesmo, aos valores que Los argonautas y la moneda de oro lle transmite á rapazada de entre 9 e 12 anos, a quen se dirixe prioritariamente esta serie live action interpretada por Eva Fernández, Federico Pérez e as actrices e actores noveis Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela ou Xoel Río, entre outros.

Trátase dunha historia integradora que segue as aventuras estivais dun grupo de amigos con realidades moi diversas. A cooperación entre todos será a clave do seu éxito á hora de enfrontar os moitos perigos, misterios e dificultades que se lles presentarán durante o verán e grazas aos que estreitarán a súa amizade e medrarán como persoas.
O verán é igualmente a época elixida para a súa emisión, que dará comezo a partir do vindeiro luns na plataforma Clan cun episodio diario ás 21,00 h.